xoves, 19 de maio de 2016

O Mestre Mateo e os anciáns

   Fai moitos anos, tantos como quizais a vosa idade multiplicada por cen, había un artista chamado Mestre Mateo, pero non era un mestre de escola, él era un artista e dedicábase a traballar no Camiño de Santiago que ven dende Francia.



   Xa daquela existía o Camiño de Santiago e a xente peregrinaba como fan agora. Este artista, cando chegou a Santiago de Compostela topouse cunha banda de música, pero daquela época, non como as bandas de música que coñecedes hoxe en día. Esta banda estaba formada por 24 anciáns que portaban diferentes instrumentos e un par de redomas, que son como unhas urnas de cristal. Os anciáns vestían de branco mentres ían tocando alegremente pola cidade. 



   Chamoulle tanto a atención ao Mestre Mateo esa banda de música que lles propuxo facer unha escultura sobre eles. Ordenounos por instrumentos e en forma de semi-círculo. 



   Así, colocou os dous anciáns que levaban a Arpa Románica nos postos 8 e 19. Os dous que levaban as Arpas Salterios nos postos 5 e 18. Os Salterios, nos postos 10 e 17. Dous máis levaban Laudes, e decidiu poñelos nos lugares 9 e 20. Os anciáns que levaban as redomas, colocounos nos postos 4 e 21. O resto dos postos, salvo o 12 e 13 que xa estaban gardados dende o principio, colocou aos anciáns que levaban violas (xa foran en forma de oito ou ovais). Eses lugares que quedaban gardados, estaban reservados para dous anciáns moi especiais xa que levaban un instrumento tan importante como bonito, tan curioso como complicado. Ese instrumento era o organistrum. 

Como xa sabedes, o Mestre Mateo ía facer unha escultura pero claro, non ía ter tanto tempo aos pobres anciáns sen moverse, así que os retratou mentres se quedaban o máis quietos posible pero... eran músicos e non podían, xa que se poñían a afinar os instrumentos e a tocar pezas mentres o Mestre Mateo intentaba esculpilos.


 Unha vez rematou, os anciáns puideron marchar e seguir tocando coa súa banda pola cidade e os pobos de Santiago.  
O Mestre Mateo quedou tan contento e fascinado con eles que a súa escultura incluíuse na Catedral de Santiago de Compostela.

Ningún comentario:

Publicar un comentario