xoves, 19 de maio de 2016

O Mestre Mateo e os anciáns

   Fai moitos anos, tantos como quizais a vosa idade multiplicada por cen, había un artista chamado Mestre Mateo, pero non era un mestre de escola, él era un artista e dedicábase a traballar no Camiño de Santiago que ven dende Francia.



   Xa daquela existía o Camiño de Santiago e a xente peregrinaba como fan agora. Este artista, cando chegou a Santiago de Compostela topouse cunha banda de música, pero daquela época, non como as bandas de música que coñecedes hoxe en día. Esta banda estaba formada por 24 anciáns que portaban diferentes instrumentos e un par de redomas, que son como unhas urnas de cristal. Os anciáns vestían de branco mentres ían tocando alegremente pola cidade. 



   Chamoulle tanto a atención ao Mestre Mateo esa banda de música que lles propuxo facer unha escultura sobre eles. Ordenounos por instrumentos e en forma de semi-círculo. 



   Así, colocou os dous anciáns que levaban a Arpa Románica nos postos 8 e 19. Os dous que levaban as Arpas Salterios nos postos 5 e 18. Os Salterios, nos postos 10 e 17. Dous máis levaban Laudes, e decidiu poñelos nos lugares 9 e 20. Os anciáns que levaban as redomas, colocounos nos postos 4 e 21. O resto dos postos, salvo o 12 e 13 que xa estaban gardados dende o principio, colocou aos anciáns que levaban violas (xa foran en forma de oito ou ovais). Eses lugares que quedaban gardados, estaban reservados para dous anciáns moi especiais xa que levaban un instrumento tan importante como bonito, tan curioso como complicado. Ese instrumento era o organistrum. 

Como xa sabedes, o Mestre Mateo ía facer unha escultura pero claro, non ía ter tanto tempo aos pobres anciáns sen moverse, así que os retratou mentres se quedaban o máis quietos posible pero... eran músicos e non podían, xa que se poñían a afinar os instrumentos e a tocar pezas mentres o Mestre Mateo intentaba esculpilos.


 Unha vez rematou, os anciáns puideron marchar e seguir tocando coa súa banda pola cidade e os pobos de Santiago.  
O Mestre Mateo quedou tan contento e fascinado con eles que a súa escultura incluíuse na Catedral de Santiago de Compostela.

mércores, 11 de maio de 2016

A lenda do Mestre Mateo

   
Aínda que agora non o poidamos ver, alí está, oculto tras a fachada da catedral de Santiago de Compostela, o Pórtico da Gloria, onde están representados os 24 anciáns, pero queremos destacar o que se sitúa no Parteluz. 





 É unha columna que divide o Pórtico en dous, onde atopamos a figura do Apóstolo Santiago.







   Fixádevos nas fotos anteriores... que podemos ver?







Agora imos ler sobre lendas antigas estade moi atentos...


A LENDA DO MESTRE MATEO


   Dise que cara o ano 1168, un rei de León veu de visita a Santiago de Compostela e púxose moi moi triste ao ver que a catedral estaba en moi mal estado, que a tiñan descoidada por completo.


   Entre os acompañantes do rei, estaba Mateo, un mestre escultor moi bo no seu traballo, e como o rei sabía que era un gran artista mandoulle esculpir unha nova entrada para a Catedral. 


   Mateo, púxose mans á obra e comezou a pensar como o podía facer para que quedase xenial e para que o rei se puxese moi contento, polo que traballou durante moitísimo tempo... 





20 anos, nada máis e nada menos!


   Cando rematou a construción, o rei deulle a noraboa xa que era un dos mellores traballos que fixera, pero...  
            AI MATEO, MATEO...  Quixécheste facer un selfie!





Si! Pantera Rosa, un autorretrato coma este.



   
Ninguén se fixara pero Mateo esculpírase a si mesmo aos pés do Parteluz, aquela columna que partía o Pórtico en dous, e xusto debaixo do Apóstolo Santiago! 





   Contan que a Mateo lle pasaron dúas cousas malas por este feito.



Primeiro, o ceo enfadouse moito con él por ser vanidoso e castigouno por esculpirse xusto debaixo do Apóstolo Santiago!



Logo, a xente de Santiago de Compostela, como lles gustara tanto o traballo do mestre escultor, pensaron que era unha obra marabillosa e intentaron deixar cego a Mateo para que non puidese repetir unha obra tan fermosa noutro lugar, así soamente Santiago a tería!

   Nenos e nenas! Teño unha misión para vós! 

Agora que coñecemos a pequena lenda sobre o Mestre Mateo, a próxima vez que vaiades de visita a Santiago de Compostela ver a Catedral, mirade buscade o Parteluz e buscade ao Mestre Mateo.

   A pequena figura que chaman Santo dos Croques non é ningún santo, pois é o MESTRE MATEO que quixo permanecer na súa obra para toda a eternidade.


A representación do Mestre Mateo atópase onde sinala o círculo vermello, xusto debaixo do Apóstolo Santiago.